Blogia
ensinargalego

O día da Terra

O día da Terra

No ano 1970 As Nacións Unidas declararon o 22 de abril Día da Terra. Se nese momento había datos para preocuparse polo planeta, moitos máis temos no día de hoxe. A maior preocupación é o cambio climático xa que é un problema global para a vida e que, polo tanto, nos afecta a todos. Se, como din os expertos, non ten solución, o que si se pode é aminorar os seus efectos. De aí que nos concienciemos e contribuamos a elo, segundo as nosas posibilidades.

A verdade é que quen máis sofren as consecuencias son quen menos culpa teñen. Falamos dos países menos desenvolvidos. Estes son os que padecen as grandes secas, os maiores ciclóns, inundacións, etc. Mentres que os países do primeiro mundo, somos os que máis contaminación e emisións de CO2 producimos. Galicia, ademais de emitir por encima da media española, a tendencia é aumentar as emisións nos próximos anos. Parece que só a Central de As Pontes emite máis CO2 que por exemplo, todo Navarra. Abraiante, non!?

O problema hai que abordalo dende dous puntos. O primeiro aforrar enerxía. O segundo apostar polas enerxías renovables: centrais de biomasa, eólicas, solares, etc. Pero ninguén pode manterse ao marxe. Todos temos que concienciarnos do problema. Todos temos que aportar algo, dende o noso traballo, dende a nosa cidade, vila ou aldea. Todos podemos contribuír a, se non solucionar, aminoralo. Temos que aforrar auga nos fogares, enerxía (luz), calefacción, usar menos os transportes. Dependemos moito do coche. Ás veces non queremos camiñar 5 ou 10 minutos para ir ao noso traballo. Camiñar é bo para a nosa saúde e tamén para o planeta. Ademais axúdanos a estar máis delgados. Todos queremos ter unha bonita figura. Poñámonos a andar!!

 

0 comentarios