Blogia
ensinargalego

X. Carlos Caneiro, Blue Moon

X. Carlos Caneiro, Blue Moon

O autor verinés acaba de presentar na súa vila natal a súa última novela. Estivo acompañado do director literario de Biblos Clube de Lectores, Tucho Calvo, onde foi publicada esta novela curta de Caneiro. O autor, fiel ao seu estilo, cunha linguaxe moi coidada e a musicalidade permanente, con temas e personaxes recorrentes, varía a estrutura e o ritmo da obra. Neste caso existe unha trama, un argumento. Bruno T, artista fracasado e trompetista de pouco talento, sofre trastornos mentais: busca a esencia da arte. Casado con Rosa, xuíza de prestixio, acode ao psiquiatra, Luís Portugal. Este, home que busca o prestixio a toda costa, pon en perigo o seu matrimonio con Clara Santos para poder curar a Bruno T. A partir de aí comeza unha relación tremebunda e tórrida entre Bruno e Clara. A novela vai avanzar cun ritmo vertixinoso igual que a súa relación. Aparece a intriga, o suspense. O final é inesperado.

Nesta novela aparecen certos temas "caneirianos": a procura da beleza, o absurdo da existencia, o amor desesperado, o fracaso na vida, a búsqueda constante da felicidade. Os personaxes van cargados como sempre de problemas mentais, son desequilibrados, fracasados, atormentados pola súa infancia ou adoslescencia, aínda que aparentemente teñan unha situación cómoda na vida.

Creo que é unha novela que lles vai gustar aos lectores asiduos de Caneiro, pero tamén aos posibles novos lectores, que teñan certas reticencias para lelo, pola súa dificultade, o seu estilo ou extensión das novelas anteriores. Léana e disfruten.

0 comentarios