Blogia
ensinargalego

Don Ramón Piñeiro

Don Ramón Piñeiro

Achégase o Día das Letras Galegas. Os xornais están cheos de referencias á figura homenaxeada este ano, Ramón Piñeiro. Xa manifestei en varias ocasións que non son moi partidario de celebrar este día como un "cabodano", mais a verdade é que peor sería non facer nada. Para os que amamos a nosa lingua todos os días son días das letras galegas, pois vivimos os 365 días do ano en galego.

Do autor homenaxeado este ano están a falar nos diferentes medios moitas autoridades. Aínda que a súa obra non é das máis lida, nin coñecida, ten a súa importancia. Mais eu quería destacar a súa persoa e a súa figura na recuperación cultural nos anos 50 co Grupo Galaxia. O seu papel foi fundamental neses anos difíciles para a lingua e a literatura galegas. Este grupo encabezado por Ramón Piñeiro fixo que o galego volvese pouco a pouco a ter presenza na vida cultural. Vai comezar a usarse en actos públicos, vanse publicar obras na nosa lingua. O esforzo destes homes na década dos 50 verían os froitos na década dos 60 e 70. Grazas a eles comeza o novo "Rexurdimento" das nosas letras.

Eu tiven o privilexio e o gusto de coñecer a Ramón Piñeiro a mediados dos 80 en Compostela. Para min, daquela estudante de Filoloxía, era un gozo estar con estas figuras míticas da cultura galega. Sempre que podía asistía aos actos onde eles estaban. Lembro algúns de Filgueira Valverde, Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego, Carballo Calero. Sen dúbida que eran os nosos mitos, eran os grandes sabios clásicos de Galicia, para aqueles mozos dos 80 en Compostela.

0 comentarios