Blogia
ensinargalego

AUDITORIO, para cando?

AUDITORIO, para cando?

Este luns 18 de maio tivemos un concerto de guitarra de Breogán Prego Moreno na Casa de Cultura de Verín. Este artista, de pais galegos, nacido na emigración en Suíza, viviu algúns anos en Coruña. Despois vai estudar a Madrid e neste momento vive en Soria. Foi moi interesante e ameno. O salón estaba cheo de xente, nenos do conservatorio cos seus pais e nais, e moitas persoas ás que lles gusta a música e lles interesa a cultura.

O domingo 17 de maio, como todos os anos, houbo un acto literario-musical no mesmo lugar. O salón estaba ateigado de persoas. Non se cabía nin sentados, nin de pé. A semana anterior, o escritor verinés, X. Carlos Caneiro, presentou no mesmo lugar a súa última novela, Blue Moon, coa sala repleta.

Aínda que os actos culturais non son moi frecuentes na nosa vila, cando os hai, o único sitio do que se dispón na comarca é este diminuto salón da Casa da Cultura. Sempre está cheo de todo. Por tanto, a cultura interesa en Verín e na súa comarca.

Non dispoñemos dun lugar axeitado para unha representación teatral, nin para un concerto de certa altura, nin para unha conferencia á que poida acudir máis de 90 persoas. Xa se fixeron obras de teatro no Pavillón Municipal. De pena. Creo, sinceramente, que merecemos algo máis na vila máis grande da provincia de Ourense. Tanto se queremos ver unha obra de teatro, concerto, etc. temos que desprazarnos 75 quilómetros ata Ourense. Veremos algún día un Auditorio, un Edificio Multiusos do nivel que lle corresponde a Verín? Esperemos que agora a nova Secretaria de Turismo da Consellería de Cultura, Dª Carmen Pardo (na foto), se acorde da situación en que está a súa vila, a súa comarca e faga algo por ela. Non perdemos a esperanza.

1 comentario

Serafín -

Apoio a moción.