Blogia
ensinargalego

ACTUALIDADE

Ferrín e a RAG

Ferrín e a RAG

Dende o 23 de xaneiro de 2010 a Real Academia Galega conta cun novo presidente. Para todos os que amamos a lingua e a literatura galega e a cultura en xeral, é un honor que a máis importante institución das nosas letras estea presidida polo mellor escritor vivo da nosa literatura. Persoa comprometida co idioma dende sempre, intelectual do mais alto nivel, brillantísimo poeta e narrador. Congratulámonos por dar este paso adiante, quen fuxiu durante moitos anos de  asumir responsabilidades, sobre todo, relacionadas con  traballos burocráticos.

Nestes tempos de debate sobre o Decreto do galego, a Consellería debería ter moi en conta a opinión da RAG. Nela están os intelectos máis lúcidos das nosas letras. O informe que elaboraron non vai en contra  de ninguén, senón, simplemente, en defensa da lingua de Nós, lingua, aínda non normalizada, e que, igual que a muller na sociedade actual, merece unha descriminación positiva para que sobreviva neste mundo globalizado. Debemos prestixiar o idioma, e sobre todo, entregarllo aos nosos fillos como a máis prezada herdanza. Esta é a clave: a transmisión xeracional.

Seguro que o presidente da RAG (Xosé Luís Méndez Ferrín) e os outros que están ao fronte, F. Fernández Rei, M. González, X. Ferro Ruibal  e todos os demais da Academia, expertos lingüístas, escritores, historiadores, farán todo o que lles sexa posible para que a nosa lingua "dure mil primaveras máis".

Parabéns a Ferrín, á Academia e ás Nosas Letras!!

O neno de Ourense

O neno de Ourense

Durante moitos días segue sendo a noticia en Ourense. O caso do neno obeso que a fiscalía pide aos pais que o entreguen á Xunta. Non o podo crer. Que lles arrebaten un neno aos seus pais. Sabemos que o caso non é sinxelo, pero ten que haber outras solucións. Por unha banda, parece que o rapaz ten adelgazado nos últimos meses ( máis de 10 quilos). Por outro lado un coñecido endocrino dixo publicamente que non corría perigo a súa vida e que calquera tratamento que se dera fóra do entorno familiar estaba condenado ao fracaso. Reitero. Debe haber outras solucións. Como por exemplo que se faga un seguimento do neno na súa casa. Que o médico faga un control semanal ou quincenal para ver a evolución do neno. Que a familia reciba apoio dos Servizos Sociais do Concello ou da Xunta, etc.

Ademais, hai moitos casos de rapaces ou adolescentes con problemas non menos importantes. Refírome a casos relacionados coas drogas, o alcohol, agresións á propia familia, etc. Sen embargo nestes casos as autoridades non investigan, nin llos quitan a seus pais.

Todos somos conscientes de que é un problema grave. Isto non o discutimos. Pero, cantas persoas adultas teñen sobrepeso ou outros problemas graves de distinta índole e non seguen o tratamento ou instruccións dos médicos? E finalmente, quero facer outra reflexión. Acaso todos nós non nos excedemos algunha vez na comida ou ... ? Logo arrepentímonos. É verdade. Pero xa pasou. O que estea libre de culpa que tire a primeira pedra.

 

 

Los Toros

Los Toros

Hoxe foi o último. Esperaremos un ano para presenciar en directo as carreiras polas rúas de Pamplona. Algúns coñecen a rúa Estafeta, e Mercaderes, porque sae no televisor público: o pagado por todos os cidadáns. Este ano desprazaron máis de cen profesionais. Un despregue semellante non o empregan nin sequera en cubrir os premios Príncipe de Asturias, ou o Cervantes. A televisión pública, repito e repetirei, está para outras cousas. Pero aquí disfrutamos coa cousa de Los Toros. Quizá eu estea a perderme unha experiencia inolvidable. Quizá a miña ignorancia e falta de sensibilidade taurina signifique un grave trastorno no meu adentro. Pero non consigo adiviñar cal é a arte esencial que contén o mundo do toreo. Nunca vin máis alá da tortura a un animal en nome de certos sortilexios de capa e espada. Nunca vin máis alá do sangue, da abnegada estulticia e do máis gratuíto dos sufrimentos. O sangue chama polo sangue. Por iso de cando en vez morre algún torero ou alguén que corre diante dos touros, en Estafeta ou Mercaderes. O Estado, que nos protexe do tabaco e que nos pide (con sanción económica e tres puntos de sutura no carné) que coloquemos o cinturón de seguridade mentres conducimos, consente. O Estado protector que nunca nos defende en circunstancias máis lesivas para nós. Por exemplo: non nos distancia da televisión estúpida, necia e bobalicona. Non nos separa da carroña vil do «corazón». E non nos separa de Los Toros. España converteu un espectáculo de sangue, tortura e execución, na súa «fiesta nacional». Somos un país condenado a non entenderse consigo mesmo. Nunca. Por iso existen as carreiras suicidas dos sanfermines. E Los Toros. Non encontro xustificación para que tipos como José Tomás sexan considerados artistas e que verdadeiros artistas teñan que ganarse a vida tocando a guitarra nas rúas. Odio Los Toros. E non pido perdón.

Xosé Carlos Caneiro, La Voz de Galicia. 14 de xullo de 2009

O día da Terra

O día da Terra

No ano 1970 As Nacións Unidas declararon o 22 de abril Día da Terra. Se nese momento había datos para preocuparse polo planeta, moitos máis temos no día de hoxe. A maior preocupación é o cambio climático xa que é un problema global para a vida e que, polo tanto, nos afecta a todos. Se, como din os expertos, non ten solución, o que si se pode é aminorar os seus efectos. De aí que nos concienciemos e contribuamos a elo, segundo as nosas posibilidades.

A verdade é que quen máis sofren as consecuencias son quen menos culpa teñen. Falamos dos países menos desenvolvidos. Estes son os que padecen as grandes secas, os maiores ciclóns, inundacións, etc. Mentres que os países do primeiro mundo, somos os que máis contaminación e emisións de CO2 producimos. Galicia, ademais de emitir por encima da media española, a tendencia é aumentar as emisións nos próximos anos. Parece que só a Central de As Pontes emite máis CO2 que por exemplo, todo Navarra. Abraiante, non!?

O problema hai que abordalo dende dous puntos. O primeiro aforrar enerxía. O segundo apostar polas enerxías renovables: centrais de biomasa, eólicas, solares, etc. Pero ninguén pode manterse ao marxe. Todos temos que concienciarnos do problema. Todos temos que aportar algo, dende o noso traballo, dende a nosa cidade, vila ou aldea. Todos podemos contribuír a, se non solucionar, aminoralo. Temos que aforrar auga nos fogares, enerxía (luz), calefacción, usar menos os transportes. Dependemos moito do coche. Ás veces non queremos camiñar 5 ou 10 minutos para ir ao noso traballo. Camiñar é bo para a nosa saúde e tamén para o planeta. Ademais axúdanos a estar máis delgados. Todos queremos ter unha bonita figura. Poñámonos a andar!!

 

Colección

Colección

A vida coleccionaba miradas. El, o coleccionista, pasou o tempo gravando os ollos que o miraban mentres vivía. Cando se xubilou sentaba no parque e recordaba todas as miradas que o fascinaron. Unhas eran ocres, outras tan verdes que deixaban a escuras o campo de abril. Sentado e triste esperaba, como Penélope. O que daría por unha dama que esperase por el nalgún lugar. Pero a xente que senta no parque para recordar miradas só ten un destino: a soidade. De todas as miradas só quedaba unha. Cada vez que viña aos seus ollos, que era sempre, esbozaba un sorriso doce. Ela dixéralle iso algunha vez: «Cando penses en min, ri. Non quero que me recordes con amargura». Aquela mirada ocupaba a súa vida. Non había un recanto no que non estivese. Unha tarde calquera dun abril calquera el pensou que entolecera de verdade. Encontrou sentada no parque a mirada que sempre o perturbou. Ola, dixo ela. El non puido dicir nada. Só mirala. Contoulle que ela tamén se dedicou a coleccionar cousas inservibles. Levouno á súa casa. El, que xa non bebía, pediu unha copa de güisqui seco (como a miña vida sen ti, engadiu). Escoita, dixo ela. E falou: «Agora estarás durmida acariñando os soños que nunca me contas. Oxalá puidese estar aí pegado, como as sabas. Cando leas estas poucas palabras pensarás outra vez que os homes coma min non conveñen ás mulleres coma ti. Despois has de esquecerme. Pero eu sei que as palabras seguirán danzando baixo a lúa dos teus ollos, que é máis linda que a lúa chea que nos mira bailando boleros». Era a última carta que el escribiu. Para ela. Ela, que tamén coleccionaba cousas inútiles. Pensaron que era hora de iniciar unha nova colección. O resto da vida dedicáronse a recuperar o tempo. El, a súa mirada. Ela, as súas palabras. Contan que non se separaron nunca máis. Eu, que os coñezo, só quería contar a súa historia: unha colección de amor.

Xosé Carlos Caneiro La Voz de Galicia  17/4/2009

As linguas

As linguas

Son dos que pensa que ter dúas linguas é unha riqueza e non un problema. Dos que non entende por que ten que haber disputas entre os que falan un idioma ou outro. Nunca tiven problema por falar a miña lingua con ninguén nin en ningunha situación. Nunca lle dixen a ninguén que me falase na lingua que sempre falo. Nunca entendín a aqueles que hai anos dicían "hábleme en cristiano", pero tampouco aos que nestes momentos usan os mesmos métodos para impoñer o galego ou tratan de impedir unha manifestación, como a que houbo hai meses en Santiago.

Menos entendo a idea de separar aos alumnos nas aulas ou en centros, segundo o idioma que falan. Creo que todos teñen que aprender as dúas linguas de Galicia e ser competentes nas dúas, tal e como di a Lei de Normalización. Logo cadaquén usará a que lle pete. Non estou de acordo coas imposicións. Debemos gañar, recuperar, atraer aos que non usan o galego, pero non obrigalos. As imposicións, prohibicións nunca traen resultados positivos. O nosos fillos deben saber outra lingua máis, ou dúas. Se son trilingües mellor. Reitero o que xa dixen en moitas ocasións: a lingua é un instrumento para comunicarnos que debe unirnos e non separarnos. Non debe ser obxecto de loita.

Eu todas as linguas que estudei ou aprendín, latín, grego, francés, inglés, castelán, galego, portugués, nunca me supuxeron un problema, un obstáculo na vida. Ao contrario, sempre me resultaron de grande axuda para achegarme a diferentes culturas, ás súas literaturas e, sobre todo, a diferentes xentes do mundo.

O galego é útil

O galego é útil

Aparece unha nova iniciativa para o uso do galego. Trátase dunha idea que parte de galegos que están en Londres cun manifesto no que se demostra a utilidade do galego, sobre todo, fóra de Galicia. Creo que a idea é moi plausible e vese nos que o asinan cómo lles serviu o noso idioma para desempeñar diferentes traballos e máis cousas en diferentes países do mundo. Todo isto supón un pulo para usar o galego, para non perdelo. Mais eu creo que a utilidade é dentro, en Galicia. Moitos somos os que o usamos a diario, as 24 horas do día e toda a nosa vida. Recordemos que é o signo visible máis importante da nosa cultura. Ligado a el está a literatura, culta ou popular, a música, etc. Supoño que a ninguén se lle ocurriría derrubar a catedral de Santiago, o apóstolo, eliminar o entroido, o cocido e todas as festas gastronómicas que temos por toda a xeografía galega, as romerías, os hórreos, muíños, a matanza, a gaita e a muiñeira etc. Reitero, de todas as manifestacións culturais, a máis importante é o idioma. Xa o dixo Castelao. Se aínda somos galegos é por obra do idioma. Se desaparece o idioma, desapareceremos como pobo.

Boa idea. Parabéns!!

Non hai tempo de ler

Non hai tempo de ler

Cada vez se le menos. Todos estamos tan atarefados que non dispomos de unha hora cada día para ler. Sen embargo non hai persoa no país que non teña tempo para ver a televisión, escoitar música, "enredar" no ordenador, tomar unha cervexa ou cocacola cos amigos, ir ao ximnasio, etc. Xa sabemos que o que gusta menos, sempre se deixa para o final e, moitas veces, non se come. Ben coñecida é a frase de que "leo de noite", "leo antes de durmir", ou durmo lendo. Mais, por que non lemos, tanto os adultos como os nenos ou mozos?

Aparte de traballar ou estudar todos temos moitas ocupacións: atender a casa, os fillos, preparar clases, correxir, etc. Os máis novos estudar, ir a actividades diversas como informática, pintura, música, danza, deportivas, etc. Volvemos á casa pola noite e ceamos. A esas horas, xa estamos agotados. Entón, que facemos nesa hora antes de deitarnos? Imos facer algo que necesita un esforzo importante? Claro que non. Se collemos un libro, quedamos durmidos ao momento. Polo tanto, imos ver o que poñen na televisión ata que nos dá o sono.

Creo que debemos cambiar os hábitos e ler cando estamos descansados, para facelo con gusto e aproveitar mellor a lectura. Por que non lemos a media tarde e deixamos para última hora outra tarefa ou actividade de ocio? Se todos os días temos unha hora posta para ler, farémolo igual que imos de 6 a 7 a pintura ou á piscina, por exemplo. Isto, ao repetir varias veces convertirase nun hábito e xa non nos custará nada. Sinceramente, considero que os horarios son bos, sobre todo para os rapaces. Tamén deben disfrutar coa lectura e ler na fin de semana ou nas vacacións. A lectura é unha viaxe da imaxinación. Se na casa lemos os adultos, os máis novos tamén o farán. Se non lemos, eles tampouco.

Unha lectura importante debe ser a dos xornais. Con eles informámonos da actualidade, de temas moi diversos, pero tamén podemos ver a opinión sobre os mesmos de persoeiros importantes. Lembro cando tiña 11 ou 12 anos, nun colexio privado, e nos lían (en 10 minutos) o xornal durante a comida. Nos primeiros momentos do xantar, con micro, cada día un compañeiro, lía en voz alta. Os demais tiñamos que estar en silencio. Ao acabar podiamos falar. Non sei se me vén de aí, pero agora non podo pasar sen ler dous ou tres xornais cada día.