Blogia
ensinargalego

Colección

Colección

A vida coleccionaba miradas. El, o coleccionista, pasou o tempo gravando os ollos que o miraban mentres vivía. Cando se xubilou sentaba no parque e recordaba todas as miradas que o fascinaron. Unhas eran ocres, outras tan verdes que deixaban a escuras o campo de abril. Sentado e triste esperaba, como Penélope. O que daría por unha dama que esperase por el nalgún lugar. Pero a xente que senta no parque para recordar miradas só ten un destino: a soidade. De todas as miradas só quedaba unha. Cada vez que viña aos seus ollos, que era sempre, esbozaba un sorriso doce. Ela dixéralle iso algunha vez: «Cando penses en min, ri. Non quero que me recordes con amargura». Aquela mirada ocupaba a súa vida. Non había un recanto no que non estivese. Unha tarde calquera dun abril calquera el pensou que entolecera de verdade. Encontrou sentada no parque a mirada que sempre o perturbou. Ola, dixo ela. El non puido dicir nada. Só mirala. Contoulle que ela tamén se dedicou a coleccionar cousas inservibles. Levouno á súa casa. El, que xa non bebía, pediu unha copa de güisqui seco (como a miña vida sen ti, engadiu). Escoita, dixo ela. E falou: «Agora estarás durmida acariñando os soños que nunca me contas. Oxalá puidese estar aí pegado, como as sabas. Cando leas estas poucas palabras pensarás outra vez que os homes coma min non conveñen ás mulleres coma ti. Despois has de esquecerme. Pero eu sei que as palabras seguirán danzando baixo a lúa dos teus ollos, que é máis linda que a lúa chea que nos mira bailando boleros». Era a última carta que el escribiu. Para ela. Ela, que tamén coleccionaba cousas inútiles. Pensaron que era hora de iniciar unha nova colección. O resto da vida dedicáronse a recuperar o tempo. El, a súa mirada. Ela, as súas palabras. Contan que non se separaron nunca máis. Eu, que os coñezo, só quería contar a súa historia: unha colección de amor.

Xosé Carlos Caneiro La Voz de Galicia  17/4/2009
¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres
¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres

0 comentarios

¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres