Blogia
ensinargalego

DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE

O 5 de xuño foi designado Día Mundial do Medio Ambiente por Nacións Unidas no 1972. Isto quere dicir que dende hai máis de 3 décadas tratan de concienciarnos dos problemas que padece o noso planeta. O lema deste ano é significativo: "O teu planeta necesítate. UNidos para combatir o cambio climático". Todos podemos ver con frecuencia os efectos deste problema planetario. Por se non nos damos conta, a propia natureza nolo recorda a miúdo. Proba disto son os ciclóns, cada vez máis frecuentes, os períodos de grandes secas, a desertización de moitas zonas, as inundacións, as elevadas temperaturas estivais (grandes e numerosos incendios), a contaminación nas grandes urbes, etc, etc.

Todos debemos reflexionar sobre estes temas. Todos debemos contribuír para frear o deterioro do noso planeta, sobre todo, pola conta que nos ten. Podemos usar máis os medios de transporte públicos ou ir a pé ao traballo, non malgastar a auga, a luz, a calefacción, o papel, separar os residuos para reciclar, utilizar productos ecolóxicos, non usar herbicidas, etc.

Tamén é importante concienciar aos que nos rodean. Un papel importante témolo os que estamos en centros educativos e traballamos con nenos ou mozos. Son o futuro. Reflexionemos sobre a máxima que di algo así como, non vos preocupedes do planeta que lle deixades aos vosos fillos, senón dos fillos que lle deixades ao planeta.

Un labor moi importante están facendo os centros que participan no proxecto da Axenda 21 Escolar de Galicia. É un proxecto da Consellería de Medio Ambiente e a Consellería de Educación con moi bos resultados. Dende logo debémonos congratular do seu traballo, do entusiasmo que manifestan e da implicación do profesorado e, sobre todo, do alumnado. Esperamos que continúen e vaia aumentando o número de centros ano a ano.

A Terra é de todos. Cuidémola e respectémola!!

 

0 comentarios