Blogia
ensinargalego

Teresa Moure, Benquerida catástrofe

Teresa Moure, Benquerida catástrofe

Despois do éxito de Herba moura, non debe ser fácil para unha escritora publicar unha novela na que tanto os críticos como os lectores agardan unha calidade, amenidade e que os enganche igual que a obra anterior. Recoñecendo que é moi difícil estar sempre a un nivel tan alto, esta novela tampouco defraudou. É diferente, pero con moita calidade e amenidade. Nela a autora indaga sobre a identidade sexual de cada un. O outro sexo que todos levamos.

A relación de Adam e Eva xa non funciona, despois de levaren 7 anos como parella, aínda que aparentemente non teñan problemas. Pero hai algo neles, nos dous, e  do que ambos son conscientes, que os distancian e fai que non dialoguen nin haxa complicidade entre eles como antes.

Todo comeza cun problema de pel de Adam e a consulta no dermatólogo. A partir de entón, pouco a pouco imos constatando a súa transformación e tamén o distanciamento de Eva. Esta, non sendo capaz de afrontar o problema, opta pola fuxida cuns compañeiros ao estranxeiro e logo a reclusión nun cenobio. El vai pasando do enfado á ira e a outros estados anímicos, xa que non acepta a vida en solitario, para acabar con outra parella, tamén muller, e o cambio de nome: Mada.

Nesta novela temos a novidade de que a narradora se mostra como tal, dirixíndose directamente á lectora (ou lector), para ir dándolle indicacións e, incluso, amosándose como nun nivel de superioridade, xa que toda a trama, os personaxes,  o desenvolvemento da historia, depende dela. Ás veces dá a sensación de que chega a cansar a súa presenza e a súa insolencia, mais a retirada a tempo, fai que continuemos a lectura sen perder o fío e co mesmo interese.

Sen dúbida, Teresa Moure quere indagar en novos camiños e aportar algo novo á literatura galega.

 

¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres
¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres

0 comentarios

¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres