Blogia
ensinargalego

COMARCA DE VERÍN

AUDITORIO, para cando?

AUDITORIO, para cando?

Este luns 18 de maio tivemos un concerto de guitarra de Breogán Prego Moreno na Casa de Cultura de Verín. Este artista, de pais galegos, nacido na emigración en Suíza, viviu algúns anos en Coruña. Despois vai estudar a Madrid e neste momento vive en Soria. Foi moi interesante e ameno. O salón estaba cheo de xente, nenos do conservatorio cos seus pais e nais, e moitas persoas ás que lles gusta a música e lles interesa a cultura.

O domingo 17 de maio, como todos os anos, houbo un acto literario-musical no mesmo lugar. O salón estaba ateigado de persoas. Non se cabía nin sentados, nin de pé. A semana anterior, o escritor verinés, X. Carlos Caneiro, presentou no mesmo lugar a súa última novela, Blue Moon, coa sala repleta.

Aínda que os actos culturais non son moi frecuentes na nosa vila, cando os hai, o único sitio do que se dispón na comarca é este diminuto salón da Casa da Cultura. Sempre está cheo de todo. Por tanto, a cultura interesa en Verín e na súa comarca.

Non dispoñemos dun lugar axeitado para unha representación teatral, nin para un concerto de certa altura, nin para unha conferencia á que poida acudir máis de 90 persoas. Xa se fixeron obras de teatro no Pavillón Municipal. De pena. Creo, sinceramente, que merecemos algo máis na vila máis grande da provincia de Ourense. Tanto se queremos ver unha obra de teatro, concerto, etc. temos que desprazarnos 75 quilómetros ata Ourense. Veremos algún día un Auditorio, un Edificio Multiusos do nivel que lle corresponde a Verín? Esperemos que agora a nova Secretaria de Turismo da Consellería de Cultura, Dª Carmen Pardo (na foto), se acorde da situación en que está a súa vila, a súa comarca e faga algo por ela. Non perdemos a esperanza.

¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres

O viño tamén é unha droga?

O viño tamén é unha droga?

Nos últimos anos ten habido bastante debate sobre o tema do viño en relación coa normativa. Para algúns, todas as bebidas que teñan alcohol é droga; polo tanto o viño tamén o é. Para outros, o viño, coa comida, é un complenmento alimenticio. Dende logo, Galicia e España non serían as mesmas se lles quitamos esta bebida. Todos sabemos que a maioría dos actos importantes acaban cun "viño español". Tamén, somos moitos os que disfrutamos da súa compañía nas comidas. Iso si, sempre que o tomemos de maneira moderada.

Xa sei que a normativa, non vai por aí. É dicir, que o que quere é evitar a inxesta de alcohol desmesurada da xuventude, sobre todo nas fins de semana. Estou de acordo, pero non metamos a todos no mesmo saco.

Os que vivimos nunha zona vitivinícola, Monterrei, de moitos séculos, os que disfrutamos no noso tempo libre co coidado tradicional da nosa pequena viña, que elaboramos os nosos poucos centos de litros de viño para consumo propio, non podemos entender que os políticos e as leis que fan, nos condenen e traten como se fosemos consumidores de certas substancias, que, evidentemente, tamén condenamos.

Eu disfruto todo o ano na miña pequena viña. A chapoda, arado, estercado, poda, marfoña, sulfatado, fresados varios, escavados, quitado de uvas sobrantes, limpeza de follaxe, etc, ata a vendima, son moitos os traballos e días que botamos entre as cepas. Ata agora non falei da elaboración do viño. Só do traballo no campo. Logo vén a preparación da adega, depósitos e demais material para vendimar. Logo vendima, despalillado, control da fermentación, quitado do viño limpo, trasegas, etc. ata que se fai totalmente o viño pasaron varios meses e moitos traballos. Polo tanto, a viña e o viño hai que estar todo ano atendéndoos. Así que, por favor, cando despois o poñemos na mesa, déixennos disfrutalo. Xa sei, tomémolo con moderación, pero non nos quiten un dos maiores praceres que nos quedan.

Evidentemente ata agora falei dende unha perspectiva persoal. Eu disfruto con este traballo-ocio, igual que o que practica a caza, pesca, etc.

Podería falar doutro aspecto importante, o económico. Son moitas as persoas que se adican a esta actividade. Refírome aos labregos que teñen viñas e venden as súas uvas, dos adegueiros, que son empresarios e dan moitos postos de traballo. En Galicia temos 5 denominacións de Orixe e numerosas adegas. En España hai moitísimas máis. Concluíndo, son moitas as persoas que se adican a esta actividade. Por certo, algunhas de moita reputación. Creo que é un sector importante tamén para a nosa economía.

¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres

PRESENTACIÓN DO LIBRO

Rafael Cid presenta o libro e o documental en DVD "Carrilanos" o sábado 1 de abril de 2006, ás 17:30 horas, no Colexio María Inmaculada de Verín.
¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres