Blogia
ensinargalego

NOVIDADES LITERARIAS

Teresa Moure, Benquerida catástrofe

Teresa Moure, Benquerida catástrofe

Despois do éxito de Herba moura, non debe ser fácil para unha escritora publicar unha novela na que tanto os críticos como os lectores agardan unha calidade, amenidade e que os enganche igual que a obra anterior. Recoñecendo que é moi difícil estar sempre a un nivel tan alto, esta novela tampouco defraudou. É diferente, pero con moita calidade e amenidade. Nela a autora indaga sobre a identidade sexual de cada un. O outro sexo que todos levamos.

A relación de Adam e Eva xa non funciona, despois de levaren 7 anos como parella, aínda que aparentemente non teñan problemas. Pero hai algo neles, nos dous, e  do que ambos son conscientes, que os distancian e fai que non dialoguen nin haxa complicidade entre eles como antes.

Todo comeza cun problema de pel de Adam e a consulta no dermatólogo. A partir de entón, pouco a pouco imos constatando a súa transformación e tamén o distanciamento de Eva. Esta, non sendo capaz de afrontar o problema, opta pola fuxida cuns compañeiros ao estranxeiro e logo a reclusión nun cenobio. El vai pasando do enfado á ira e a outros estados anímicos, xa que non acepta a vida en solitario, para acabar con outra parella, tamén muller, e o cambio de nome: Mada.

Nesta novela temos a novidade de que a narradora se mostra como tal, dirixíndose directamente á lectora (ou lector), para ir dándolle indicacións e, incluso, amosándose como nun nivel de superioridade, xa que toda a trama, os personaxes,  o desenvolvemento da historia, depende dela. Ás veces dá a sensación de que chega a cansar a súa presenza e a súa insolencia, mais a retirada a tempo, fai que continuemos a lectura sen perder o fío e co mesmo interese.

Sen dúbida, Teresa Moure quere indagar en novos camiños e aportar algo novo á literatura galega.

 

X. Carlos Caneiro, Blue Moon

X. Carlos Caneiro, Blue Moon

O autor verinés acaba de presentar na súa vila natal a súa última novela. Estivo acompañado do director literario de Biblos Clube de Lectores, Tucho Calvo, onde foi publicada esta novela curta de Caneiro. O autor, fiel ao seu estilo, cunha linguaxe moi coidada e a musicalidade permanente, con temas e personaxes recorrentes, varía a estrutura e o ritmo da obra. Neste caso existe unha trama, un argumento. Bruno T, artista fracasado e trompetista de pouco talento, sofre trastornos mentais: busca a esencia da arte. Casado con Rosa, xuíza de prestixio, acode ao psiquiatra, Luís Portugal. Este, home que busca o prestixio a toda costa, pon en perigo o seu matrimonio con Clara Santos para poder curar a Bruno T. A partir de aí comeza unha relación tremebunda e tórrida entre Bruno e Clara. A novela vai avanzar cun ritmo vertixinoso igual que a súa relación. Aparece a intriga, o suspense. O final é inesperado.

Nesta novela aparecen certos temas "caneirianos": a procura da beleza, o absurdo da existencia, o amor desesperado, o fracaso na vida, a búsqueda constante da felicidade. Os personaxes van cargados como sempre de problemas mentais, son desequilibrados, fracasados, atormentados pola súa infancia ou adoslescencia, aínda que aparentemente teñan unha situación cómoda na vida.

Creo que é unha novela que lles vai gustar aos lectores asiduos de Caneiro, pero tamén aos posibles novos lectores, que teñan certas reticencias para lelo, pola súa dificultade, o seu estilo ou extensión das novelas anteriores. Léana e disfruten.

NOVIDADES LITERARIAS DO ANO 2007

NOVIDADES LITERARIAS DO ANO 2007
Moitos son os autores que están preparando as súas obras ou xa foron entregadas ás editoriais para seren publicadas proximamente. Por citar algúns autores que veremos proximamente nas librerías citaremos a Teresa Moure, Agustín Fernandez Paz, Fina Casalderrey, Inma López, .... Tamén debemos salientar historiadores dos que citarei a Xusto Beramendi. Estou seguro de que irán aparecendo moitas novidades para ben da nosa literatura e da cultura galega en xeral. Agardamos que o número de publicacións en galego aumente ano tras ano e sobre todo o número de lectores. Boa sorte a todos!!

O CLUB DA CALCETA

O CLUB DA CALCETA María Reimóndez vén de publicar a novela O club da calceta na editorial Xerais.