Herba moura
Era unha lectura pendente dende hai algún tempo. Por fin, neste mes de agosto tocoulle. A novela de Teresa Moure, foi dos máis, se non o máis engaiolante libro galego dos últimos tempos. As tres personaxes son mulleres loitadoras que van contra as normas establecidas da súa época, que é o século XVII e o final do século XX, no que a narradora e protagonista segue loitando polos seus dereitos dende unha posición feminista, o mesmo que fixeran outros membros da súa familia (estaba tentado a poñer "membras"), tamén mulleres, como foi a nai, a tía, e incluso bisavoa Aniceta.
Christina, Hélène e Einés teñen en común un home, Descartes, que de algunha maneira marcou as súas vidas. As dúas primeiras, por ser o seu "amor"; a terceira polas cartas, diarios, poesías atopadas nunha arca no faiado das anteriores onde descobre ao Descartes humano e non ao filósofo que era o que ela coñecía e, sobre quen estaba investigando (facendo a tese). As tres tamén comparten a ansia por saber, por escribir, por aprender. Se ben na última, podemos dicir que xa sería algo normal, non ocorre o mesmo coas primeiras, pois estamos no século XVII, onde practicamente a totalidade da poboación feminina é analfabeta.
Destaca tamén na novela a defensa do carpe diem, dende a perspectiva feminina e o poder dos sentidos, sobre todo o do olfato, que quizais é o menos desenvolto nos humanos, aínda que máis valorado e aprezado entre as mulleres.
Poderíase escribir moito desta obra. Outros/as máis eruditos/as xa o fixeron. Dicir soamente, por se alguén aínda non a leu, que é unha novela moi amena, dinámica e que engancha dende as primeiras páxinas. Non é necesario recomendala, posto que o seu éxito foi arrasador tanto da crítica como de público, que é o que demostra se ten calidade e aporta algo á literatura.
A literatura galega, sen dúbida, ten a novelista que necesitaba dende hai tempo. Non vou caer na tentación de dicir que é a mellor. Non me gusta esta palabra. Afortunadamente, hoxe temos moi boas escritoras. Pero si digo, que é unha gran escritora e que o tempo a porá á beira dos grandes da nosa literatura.
2 comentarios
Anónimo -
Parabéns e saúdos.
GatocánBKD -