Blogia
ensinargalego

As linguas

As linguas

Son dos que pensa que ter dúas linguas é unha riqueza e non un problema. Dos que non entende por que ten que haber disputas entre os que falan un idioma ou outro. Nunca tiven problema por falar a miña lingua con ninguén nin en ningunha situación. Nunca lle dixen a ninguén que me falase na lingua que sempre falo. Nunca entendín a aqueles que hai anos dicían "hábleme en cristiano", pero tampouco aos que nestes momentos usan os mesmos métodos para impoñer o galego ou tratan de impedir unha manifestación, como a que houbo hai meses en Santiago.

Menos entendo a idea de separar aos alumnos nas aulas ou en centros, segundo o idioma que falan. Creo que todos teñen que aprender as dúas linguas de Galicia e ser competentes nas dúas, tal e como di a Lei de Normalización. Logo cadaquén usará a que lle pete. Non estou de acordo coas imposicións. Debemos gañar, recuperar, atraer aos que non usan o galego, pero non obrigalos. As imposicións, prohibicións nunca traen resultados positivos. O nosos fillos deben saber outra lingua máis, ou dúas. Se son trilingües mellor. Reitero o que xa dixen en moitas ocasións: a lingua é un instrumento para comunicarnos que debe unirnos e non separarnos. Non debe ser obxecto de loita.

Eu todas as linguas que estudei ou aprendín, latín, grego, francés, inglés, castelán, galego, portugués, nunca me supuxeron un problema, un obstáculo na vida. Ao contrario, sempre me resultaron de grande axuda para achegarme a diferentes culturas, ás súas literaturas e, sobre todo, a diferentes xentes do mundo.

0 comentarios