Blogia
ensinargalego

Un libro, un amigo

Un libro, un amigo

Hoxe é un día de celebración especial nos colexios por ser o Día do libro. Todos os centros educativos teñen actividades relacionadas co evento. Nunca fun moi partidario destas celebracións, tampouco do día das Letras Galegas. O día do Libro e das Letras deben ser todos os días do ano. Non só dous. Así e todo, moitos opinan que son días nos que aumentan a venda de libros e favorecen a lectura.

Ler debe ser un hábito. Polo tanto, ten que ser algo diario, que nos saia expontaneamente. Temos que ter sempre un momento, un tempo para nós e disfrutar dun bo amigo como é un libro. Para que os nenos, adolescentes lean deben, en primeiro lugar, facelo os pais e en segundo lugar, os docentes debemos transmitirlle o amor, o placer, o goce de viaxar através da imaxinación cos personaxes dunha novela; de emocionalos cos versos dun poema. Para isto os libros que lles poñamos de lectura obrigatoria non poden ser un suplicio, un castigo. Debemos procurar obras amenas, entretidas, con intriga, que os enganchen pero ao mesmo tempo que os eduquen e formen. É certo que moitas veces se queixan de que son moi aburridos, que lles caen das mans, que non poden ler máis de 5 páxinas seguidas. Estas obras, aínda que sexan de moita calidade, deberiámolas evitar para os nenos e adolescentes. Xa as lerán cando sexan adultos, se son lectores reais e queren coñecer os grandes da literatura universal. Todos lemos algunhas obras por obriga e de mala gana. Eu como estudante tiven que tragalas. Non llas recomendaría nunca a ninguén, nin as volvería ler.

Leamos e disfrutemos cos libros!

 

0 comentarios