Blogia
ensinargalego

Odio abril

Odio abril

Xosé Carlos Caneiro, 05 de maio de 2009, La Voz de Galicia

 

Ten vostede todo o dereito a pisotear esta columna, queimala, cuspir sobre o nome do columnista e lacerar a súa memoria co desdén e o desprezo. Entendo perfectamente a súa postura, lectora ou lector amable. Pero non podo caer no caixón do tópico e calar un día máis a verdade que me vive e alimenta: odio abril. Paso a vida esperando abril e sempre decepciona. Abril de gripe e alerxia, abril catarro e marrón. De augas mil e mil augas que nos cobren e deterioran. Abril dos poetas que cantan e preguntan, tristísimos, quen roubou este mes «marabilloso». Ou como Neruda, máis real: «Yo estaré tan lejano que tus manos de cera ararán el recuerdo de mis ruinas desnudas. Comprenderás que puede nevar en Primavera y que en la Primavera las nieves son más crudas». Abril canalla. Media vida agardando por ti para esto. Para que marches e me deixes peor, en derrota. Peor e case vencido pola tos, o tabaco que non fumo, o ron que non cura a tristeza. Esta vez convírtome nun home intrépido e asino con todas as consecuencias esta declaración. Odio e ámote, mes marrón que queres vestirte de verde. E aquí me quedo abrazado a este cinco de maio que non é igual a ti. Este mes sen melancolía nos recantos do corazón, ese órgano que sístole diástole vai facéndonos humanos e mellores. Penso en ti e a ti renuncio, quizá porque ninguén pode amarte como eu te amo. Renuncio porque non hai nada máis xeneroso que renunciar ao máis amado para que o máis amado encontre o camiño: na procura da risa. Odio abril porque quedei sen pilas e son un boneco correndo a noite, como un náufrago. Porque doe pensar que restan miles de horas esperando por ti, toda unha vida. E volverás. E ganará a decepción outra vez a batalla. A felicidade consiste en non esperar a felicidade. Non esperar nada de ti, só quererte. A ti, que me faltas este martes. Comprenderás que puede nevar en primavera...

0 comentarios