Blogia
ensinargalego

Amigos

Amigos

Éunha palabra devaluada a que titula esta columna. Non obstante, certifico a súa grandeza e necesidade. Ratifico a súa urxencia nestes malos tempos que vivimos. Cando ninguén aparece, sempre quedan os amigos. Van sen que ti o pidas. Están para todo. Para os consellos (eses que nunca aceptamos), para acompañar ata que sae o sol mentres recitas poemas a unha lúa que só podes ver ti. Os amigos son un seguro contra a crise (ese substantivo que Feijoo se empeña en denominar «crisi», quizá para que pareza diminuta). Os amigos están sempre e nunca marchan, aínda que marchen a Andorra ou Venezuela. Vante ver cando che doe a alma. Abrázante, como só abrazan os amigos. Son tenrura aínda que en ocasións aparenten pétreos. Se saben que estás mal non tes que chamalos porque os amigos de verdade son os que non faltan, certamente, cando a vida semella un gato panza arriba. Falo dos amigos, ¿sabes? Son o mellor patrimonio e unha das grandes fortunas do ser humano. Beben contigo, contigo cantan, discuten do divino e do humano para chegar a ningunha parte. Os amigos non se distancian nin cando casan, teñen fillos, e tantas preocupacións. Os amigos están sempre aínda que non chamen. Non hai día que non pensen en ti. Rin contigo e, se fai falta, contigo choran ata afogar entre vasos as penas. Os amigos cambiarían a súa risa para que ti non tiveras lágrimas. Conxugan só o verbo dar . Son imprescindibles. E nunca son demasiados. Os amigos que saben todo de ti. Os que te botan de menos cando non estás. Os que lamentan os teus fracasos e gozan máis ca ti os éxitos. Os amigos curan, salvan do tedio, alimentan a miña fe no ser humano. Polos amigos escribo este De bar en bar que me sae das entrañas. Como saen todas as cousas importantes, a vida. Por eles levanto a copa en medio de xuño, en medio do corazón. Polo sol que nos dan. Porque sen eles somos nada. Apenas.

Xosé Carlos Caneiro, La Voz de Galicia. 16 de xuño de 2009

0 comentarios