Blogia
ensinargalego

Los Toros

Los Toros

Hoxe foi o último. Esperaremos un ano para presenciar en directo as carreiras polas rúas de Pamplona. Algúns coñecen a rúa Estafeta, e Mercaderes, porque sae no televisor público: o pagado por todos os cidadáns. Este ano desprazaron máis de cen profesionais. Un despregue semellante non o empregan nin sequera en cubrir os premios Príncipe de Asturias, ou o Cervantes. A televisión pública, repito e repetirei, está para outras cousas. Pero aquí disfrutamos coa cousa de Los Toros. Quizá eu estea a perderme unha experiencia inolvidable. Quizá a miña ignorancia e falta de sensibilidade taurina signifique un grave trastorno no meu adentro. Pero non consigo adiviñar cal é a arte esencial que contén o mundo do toreo. Nunca vin máis alá da tortura a un animal en nome de certos sortilexios de capa e espada. Nunca vin máis alá do sangue, da abnegada estulticia e do máis gratuíto dos sufrimentos. O sangue chama polo sangue. Por iso de cando en vez morre algún torero ou alguén que corre diante dos touros, en Estafeta ou Mercaderes. O Estado, que nos protexe do tabaco e que nos pide (con sanción económica e tres puntos de sutura no carné) que coloquemos o cinturón de seguridade mentres conducimos, consente. O Estado protector que nunca nos defende en circunstancias máis lesivas para nós. Por exemplo: non nos distancia da televisión estúpida, necia e bobalicona. Non nos separa da carroña vil do «corazón». E non nos separa de Los Toros. España converteu un espectáculo de sangue, tortura e execución, na súa «fiesta nacional». Somos un país condenado a non entenderse consigo mesmo. Nunca. Por iso existen as carreiras suicidas dos sanfermines. E Los Toros. Non encontro xustificación para que tipos como José Tomás sexan considerados artistas e que verdadeiros artistas teñan que ganarse a vida tocando a guitarra nas rúas. Odio Los Toros. E non pido perdón.

Xosé Carlos Caneiro, La Voz de Galicia. 14 de xullo de 2009

0 comentarios