Blogia
ensinargalego

22, decembro

22, decembro

¿Recordas? Había un lugar do inverno onde non custaba traballo ser feliz. A lotería sempre tocaba no barrio do teu corazón e a nena máis linda, que tiña labios de chocolate, esperaba polo teu regreso. El Lobo era unha marca de turrón e os lobos só existían nas novelas de Jack London. En Jijona saían a desfilar bonecas. Pisabas o xeo das pozas e o ruído, como unha mazá, enchía de lavanda o aire. Belén aínda non era nome de muller e musgo rimaba con pastores, reis e un portal. Nescafé era menos descafeinado e un tren levaba a algures un vagón cargado de abrazos. Chovía mazapán. A ti gustábache o Cointreau e, cando todos durmían, levantábaste ás agachadas para beliscar aquel branco elixir, xeado. Ti, que durmías pouco e mal, lías versos de amor dunha colección de obras inmortais: «He de volver a verte/ y morirme de nuevo entre tus brazos». Querías ser escritor para poder escribir que habías de volver a vela e que morrerías de novo entre os seus brazos, os seus ollos: os ollos dela, que non entendía de metáforas. «Si les escribes poemas, siempre ganan las mujeres», díxome un poeta triste nunha noite marihuana de Madrid. Era mentira: ganar e perder, no amor, son sinónimos. Fumabas Ducados; os domingos, Winston. Xogabas a ser Don Juan; pero acababas mal, como Romeo. A avoa peiteaba o seu pelo branco no espello e contaba para ti o conto da flor do lirulau, que nunca entendías de todo. Despois soubeches que as cousas que non entendes tamén poden ser fermosas. Mamá coidaba de ti e ti coidabas os teus libros. O autobús destino Verín era un billete ao paraíso. Queríaste máis do que te queres. Tamén chorabas máis: ese hábito estúpido de ser romántico. Agora miras atrás e sabes que a única lotería é estar vivo, amar, que te amen. ¿Recordas? Había un lugar do inverno onde non custaba traballo... (Escribe as dúas palabras que restan, por favor).

Xosé Carlos Caneiro: La Voz de Galicia, 22 de decembro de 2009

0 comentarios