Blogia
ensinargalego

NATUREZA

DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE

O 5 de xuño foi designado Día Mundial do Medio Ambiente por Nacións Unidas no 1972. Isto quere dicir que dende hai máis de 3 décadas tratan de concienciarnos dos problemas que padece o noso planeta. O lema deste ano é significativo: "O teu planeta necesítate. UNidos para combatir o cambio climático". Todos podemos ver con frecuencia os efectos deste problema planetario. Por se non nos damos conta, a propia natureza nolo recorda a miúdo. Proba disto son os ciclóns, cada vez máis frecuentes, os períodos de grandes secas, a desertización de moitas zonas, as inundacións, as elevadas temperaturas estivais (grandes e numerosos incendios), a contaminación nas grandes urbes, etc, etc.

Todos debemos reflexionar sobre estes temas. Todos debemos contribuír para frear o deterioro do noso planeta, sobre todo, pola conta que nos ten. Podemos usar máis os medios de transporte públicos ou ir a pé ao traballo, non malgastar a auga, a luz, a calefacción, o papel, separar os residuos para reciclar, utilizar productos ecolóxicos, non usar herbicidas, etc.

Tamén é importante concienciar aos que nos rodean. Un papel importante témolo os que estamos en centros educativos e traballamos con nenos ou mozos. Son o futuro. Reflexionemos sobre a máxima que di algo así como, non vos preocupedes do planeta que lle deixades aos vosos fillos, senón dos fillos que lle deixades ao planeta.

Un labor moi importante están facendo os centros que participan no proxecto da Axenda 21 Escolar de Galicia. É un proxecto da Consellería de Medio Ambiente e a Consellería de Educación con moi bos resultados. Dende logo debémonos congratular do seu traballo, do entusiasmo que manifestan e da implicación do profesorado e, sobre todo, do alumnado. Esperamos que continúen e vaia aumentando o número de centros ano a ano.

A Terra é de todos. Cuidémola e respectémola!!

 

O XURÉS, RESERVA DA BIOSFERA

O XURÉS, RESERVA DA BIOSFERA

É unha satisfacción para min que ese anaquiño da terra onde nacín, me criei, me fixen persoa e á que sigo unido pr múltiples lazos, sexa galardoada cun premio tan importante. Sen dúbida esa preciosa comarca da Baixa Limia merece tal galardón. pola súa riqueza natural, paisaxística, arqueolóxica e, sobre todo, polo respecto e entendemento entre o home e o medio que os rodea. As xentes desas terras, que viven fundamentalmente do campo, da gandería, sempre foron respectuosos co medio que lles deu de comer.

Os homes e mulleres, que tiveron que emigrar nos anos 60 a Francia, volveron ao seu terruño, cando puideron, para seguir pegados e vivindo del. Non se foron para as cidades. Quedaron alí. Para eles a terra, como dicía Vicente Risco, é unha relixión. Todos volveron para permanecer e morrer nela. Hoxe esta xeración, apenas traballa xa, por causa da idade. Mais, aínda quedan algúns máis novos, poucos, que continúan con esas tarefas. Seguen traballando e coidando destes prediosos lares. Así, pódense ver polos montes da Serra de Laboreiro, polos Montes do Quinxo, vacas soltas, moitas "cachenas" e burras (bestas) pacendo nos altos e nas corgas como antano. Sen dúbida estes gandeiros merecen axudas e incentivos económicos para contiuar con esta tradición e coa conservación desta preciosa comarca.

 

O país dos mil ríos

O país dos mil ríos

Somos o país dos mil ríos, en palabras de Otero Pedrayo. Pero cantos deses se atopan na situación do Furnia? Creo que son moi poucos. Afortunadamente algúns aínda quedan nas montañas do interior, sobre todo.

Cando lin esta noticia no xornal, veume á memoria o río da miña aldea, o Río da Montaña (algúns chaman Pacín), en Entrimo, no Parque Natural do Xurés (Baixa Limia) no que eu e todos os rapaces da miña época nos bañabamos todo o verán nos seus pozos: "A Serrancha", "O Apertado" "O Chideiro", "O Chideiro de Abaixo", "O Negro", "A Ola", etc. Habíaos pequenos, onde aprendías a nadar cando tiñas 7 ou 8 anos. Cando xa sabías, pasabas ao seguinte, "O Chideiro", que era o pozo de baño de diario para todos os que sabían nadar. E de vez en cando ïamos aos outros dous, que só eran para os máis expertos, pola súa profundidade, "O Negro", "A Ola". Non se lles vía o fondo, como suxire o nome do primeiro; o segundo era tan fondo e redondiño como o seu nome indica, unha ola. Tiña unhas fechas preciosas. A min encantábame o "Chideiro de Abaixo". Este era moi longo e estreito, cunhas fechas de 4 metros no cima. No fondo non cubría, pero segundo ías subindo, cada vez era máis fondo e, onde caían as fechas, xa non lle vías o fondo. Tiña unha especie de saínte para tirarse de cabeza, duns 2 metros. Tamén nos botabamos dende a cima das fechas, o dobre de alto. De pé tirabámonos do outro lado aínda máis alto, uns 6 ou 7 metros. Eramos novos e inconscientes. Hoxe eu non o faría.

Pasabamos alí as tardes de estío dende as 3 ás 6. Non durmiamos a sesta, aínda que os nosos pais se empeñasen en querer que descansaramos, pois ao baixar algo o sol había que ir traballar, e duro: segar feno ou apañalo, segar a mes, carrar, facer as malladas, etc. (manteño o léxico da miña terra). Cando podiamos os domingos, estabamos alí toda a tarde. Neses tempos eramos moitos rapaces na aldea. Ao río sempre iamos, cando menos, 5 ou 6. Ás veces xuntabámonos máis de 20. Qué bos tempos!

O río ía tan limpo que moitas veces, incluso, bebiamos a auga del, pois non había fontes préto. Víanse as troitas nos pozos e na presa do muíño cando pasabamos. Agora cambiou un pouco pero aínda se segue mantendo bastante ben. Os moitos muíños, que moían daquela, agora están abandoados. Xa non se moe nin se coce na aldea. Por un lado é bo xa que se levaba moito traballo, por outro malo, posto que pan como aquel de millo e centeo non o comín nunca en ningún lado. Sigo recordando o seu sabor 30 anos despois. Isto creo que se perdeu para sempre. Pero o río temos que mantelo como está. Queren facer nel unha minicentral. Espero que non vaia adiante.

Os ríos de montaña, que están lonxe de grandes zonas urbanas, deben seguir como toda a vida, porque outros moitos, sobre todo se pasan por cidades, todos sabemos como están, de pena. Conservemos a Galicia dos mil ríos no seu estado natural.

Redución do CO2

Redución do CO2

Para cumprir con Kioto España merca cota de CO2 nos países do leste. A verdade é que a Occidente (países do 1º mundo), a España, non lle interesa reducir a contaminación, senón producir a calquera custo. Polo tanto, a imaxe que nos queren vender dende o goberno de preocupación polo cambio climático, de inversións en coches eléctricos, de premiar a venda de autos menos contaminantes, a empresas que contaminen menos, de castigar ás que contaminan, etc, contrastan claramente con estes feitos. Non seremos realmente uns hipócritas? Quizás todo sexa apariencia. Non cren, vostedes?

A auga, ben escaso

O tópico de que Galicia é toda verde e que sempre está a chover vai perdendo forza. De feito, houbo anos en que apenas choveu nada. Debemos, polo tanto aforrar a auga, non malgastala. Moitas cidades e vilas sufriron restriccións nos veráns dos últimos anos. Mesmo houbo invernos e primaveras en que non choveu practicamente nada e, cando o fixo, foi de treboada causando numerosos estragos e asolagamentos. Boa proba da seca é este documento.

 

 

HAI CAMBIO CLIMÁTICO?

HAI CAMBIO CLIMÁTICO?

Nestes últimos días está de actualidade de novo  o tema. A orixe foi a presenza dunha das persoas máis concienciadas neste mundo globalizado: Al Gore. O premio Príncipe de Asturias, sen dúbida, é un merecido recoñecemento a esta persoa. Logo apareceron as opinións controvertidas, e en algúns casos desafortunadas, dos políticos. 

O caso é que todos debemos concienciarnos do problema e, sen dúbida, un dos lugares nos que debemos traballar son os centros de ensino. Hoxe xa existe un proxecto das consellerías de Medio Ambiente e Educación, chamado Axenda 21 Escolar de Galicia (AX21EG) que se está levando a cabo nuns 40 centros en toda Galicia. A temática ten que ver coa sustentabilidade. Agardamos que a medio prazo dean os froitos agardados. 

O CAMBIO CLIMÁTICO

O CAMBIO CLIMÁTICO
Os expertos advirten de que o cambio climático será máis devastador e rápido do previsto. Os temporais serán cada vez máis frecuentes e a neve só se verá en algunhas montañas. Os veráns serán máis calurosos, do estilo do 2003, con temperaturas elevadísimas que chegaron a producir bastantes mortes.Temos que ser conscientes dos graves perigos que nos están chegando. Hai que poñer remedio a isto canto antes!!

SUSTENTABILIDADE

SUSTENTABILIDADE
Non nos damos conta, pero é o máis grande problema actual: a contaminación. Ou se queremos noutras palabras máis apropiadas "O cambio climático". Todos vemos a diario as catástrofes mal chamadas "naturais". Non son naturais, senón que a natureza nos paga coa mesma moeda que lle estamos facendo. Xa nos están dicindo que o ano 2007 vai ser o máis caluroso dende hai máis de 500 anos. O problema da sequía cada vez é máis acuciante. Non tardará en haber guerras por causa da auga como as hai hoxe polo petróleo. Dos incendios escusamos dicir nada, porque en Galicia padecémolos todos os anos, pero de modo especial nestes dous últimos anos. As riadas igualmente, no último outono. Creo que son mostras de abondo para reflexionar sobre a contaminación e o respecto ao medio. Non agredamos á natureza e seguro que ela tampouco nos agrederá a nós!!

DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE
A deterioración do medio ambiente cada día é maior. Normalmente non nos preocupamos do teterioro da natureza, sen embargo o cambio climático está deixando danos ecolóxicos e económicos de grande consideración e, sobre todo, moitas perdas humanas (recordemos as palabras, máis ou menos afortunadas, do Sr. Presidente do Goberno en Montivideo nas cales dicía que o cambio climático producía máis vítimas que o terrorismo internacional). En Galicia vivimos moi recentemente o grandísimo problema dos incendios forestais e hai moi poucos días as inundacións motivadas en parte polos incendios e en parte pola mala planificación urbanística.
Os centros de ensino deben ser axentes de sostinibilidade. Debemos sensibilizar á xuventude. Oxalá haxa moitas iniciativas como a do IES Auga da Laxe!!