O país dos mil ríos
Somos o país dos mil ríos, en palabras de Otero Pedrayo. Pero cantos deses se atopan na situación do Furnia? Creo que son moi poucos. Afortunadamente algúns aínda quedan nas montañas do interior, sobre todo.
Cando lin esta noticia no xornal, veume á memoria o río da miña aldea, o Río da Montaña (algúns chaman Pacín), en Entrimo, no Parque Natural do Xurés (Baixa Limia) no que eu e todos os rapaces da miña época nos bañabamos todo o verán nos seus pozos: "A Serrancha", "O Apertado" "O Chideiro", "O Chideiro de Abaixo", "O Negro", "A Ola", etc. Habíaos pequenos, onde aprendías a nadar cando tiñas 7 ou 8 anos. Cando xa sabías, pasabas ao seguinte, "O Chideiro", que era o pozo de baño de diario para todos os que sabían nadar. E de vez en cando ïamos aos outros dous, que só eran para os máis expertos, pola súa profundidade, "O Negro", "A Ola". Non se lles vía o fondo, como suxire o nome do primeiro; o segundo era tan fondo e redondiño como o seu nome indica, unha ola. Tiña unhas fechas preciosas. A min encantábame o "Chideiro de Abaixo". Este era moi longo e estreito, cunhas fechas de 4 metros no cima. No fondo non cubría, pero segundo ías subindo, cada vez era máis fondo e, onde caían as fechas, xa non lle vías o fondo. Tiña unha especie de saínte para tirarse de cabeza, duns 2 metros. Tamén nos botabamos dende a cima das fechas, o dobre de alto. De pé tirabámonos do outro lado aínda máis alto, uns 6 ou 7 metros. Eramos novos e inconscientes. Hoxe eu non o faría.
Pasabamos alí as tardes de estío dende as 3 ás 6. Non durmiamos a sesta, aínda que os nosos pais se empeñasen en querer que descansaramos, pois ao baixar algo o sol había que ir traballar, e duro: segar feno ou apañalo, segar a mes, carrar, facer as malladas, etc. (manteño o léxico da miña terra). Cando podiamos os domingos, estabamos alí toda a tarde. Neses tempos eramos moitos rapaces na aldea. Ao río sempre iamos, cando menos, 5 ou 6. Ás veces xuntabámonos máis de 20. Qué bos tempos!
O río ía tan limpo que moitas veces, incluso, bebiamos a auga del, pois non había fontes préto. Víanse as troitas nos pozos e na presa do muíño cando pasabamos. Agora cambiou un pouco pero aínda se segue mantendo bastante ben. Os moitos muíños, que moían daquela, agora están abandoados. Xa non se moe nin se coce na aldea. Por un lado é bo xa que se levaba moito traballo, por outro malo, posto que pan como aquel de millo e centeo non o comín nunca en ningún lado. Sigo recordando o seu sabor 30 anos despois. Isto creo que se perdeu para sempre. Pero o río temos que mantelo como está. Queren facer nel unha minicentral. Espero que non vaia adiante.
Os ríos de montaña, que están lonxe de grandes zonas urbanas, deben seguir como toda a vida, porque outros moitos, sobre todo se pasan por cidades, todos sabemos como están, de pena. Conservemos a Galicia dos mil ríos no seu estado natural.
0 comentarios