Se muestran los artículos pertenecientes al tema ESCRITORES.

Don Ramón Piñeiro

20090514103646-ramon-pineiro.jpg

Achégase o Día das Letras Galegas. Os xornais están cheos de referencias á figura homenaxeada este ano, Ramón Piñeiro. Xa manifestei en varias ocasións que non son moi partidario de celebrar este día como un "cabodano", mais a verdade é que peor sería non facer nada. Para os que amamos a nosa lingua todos os días son días das letras galegas, pois vivimos os 365 días do ano en galego.

Do autor homenaxeado este ano están a falar nos diferentes medios moitas autoridades. Aínda que a súa obra non é das máis lida, nin coñecida, ten a súa importancia. Mais eu quería destacar a súa persoa e a súa figura na recuperación cultural nos anos 50 co Grupo Galaxia. O seu papel foi fundamental neses anos difíciles para a lingua e a literatura galegas. Este grupo encabezado por Ramón Piñeiro fixo que o galego volvese pouco a pouco a ter presenza na vida cultural. Vai comezar a usarse en actos públicos, vanse publicar obras na nosa lingua. O esforzo destes homes na década dos 50 verían os froitos na década dos 60 e 70. Grazas a eles comeza o novo "Rexurdimento" das nosas letras.

Eu tiven o privilexio e o gusto de coñecer a Ramón Piñeiro a mediados dos 80 en Compostela. Para min, daquela estudante de Filoloxía, era un gozo estar con estas figuras míticas da cultura galega. Sempre que podía asistía aos actos onde eles estaban. Lembro algúns de Filgueira Valverde, Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego, Carballo Calero. Sen dúbida que eran os nosos mitos, eran os grandes sabios clásicos de Galicia, para aqueles mozos dos 80 en Compostela.

14/05/2009 10:36 Autor: ensinargalego. Enlace permanente. Tema: ESCRITORES No hay comentarios. Comentar.

James Salter, A idade da auga

20090506123408-james-salter.jpg

Acabo de ler este libro de relatos do escritor escocés. Algo ten en común co mundo fantástico e imaxinario do noso Álvaro Cunqueiro. Son de lectura rápida e amena. Pero o que máis sorprende é que un escritor que domina perfectamente o inglés, a súa lingua nai, publique en galego. Parece o mundo ao revés, xa que todos os autores procuran publicar nas linguas que teñen máis falantes como español, inglés, por iso de ter máis lectores, que sen dúbida é bo. Mais algo persoal hai na vontade de publicar en galego: el tamén fala unha lingua minorizada.

Agardamos pola súa nova novela.

06/05/2009 12:34 Autor: ensinargalego. Enlace permanente. Tema: ESCRITORES No hay comentarios. Comentar.

Odio abril

20090505124024-xose-carlos-caneiro.jpg

Xosé Carlos Caneiro, 05 de maio de 2009, La Voz de Galicia

 

Ten vostede todo o dereito a pisotear esta columna, queimala, cuspir sobre o nome do columnista e lacerar a súa memoria co desdén e o desprezo. Entendo perfectamente a súa postura, lectora ou lector amable. Pero non podo caer no caixón do tópico e calar un día máis a verdade que me vive e alimenta: odio abril. Paso a vida esperando abril e sempre decepciona. Abril de gripe e alerxia, abril catarro e marrón. De augas mil e mil augas que nos cobren e deterioran. Abril dos poetas que cantan e preguntan, tristísimos, quen roubou este mes «marabilloso». Ou como Neruda, máis real: «Yo estaré tan lejano que tus manos de cera ararán el recuerdo de mis ruinas desnudas. Comprenderás que puede nevar en Primavera y que en la Primavera las nieves son más crudas». Abril canalla. Media vida agardando por ti para esto. Para que marches e me deixes peor, en derrota. Peor e case vencido pola tos, o tabaco que non fumo, o ron que non cura a tristeza. Esta vez convírtome nun home intrépido e asino con todas as consecuencias esta declaración. Odio e ámote, mes marrón que queres vestirte de verde. E aquí me quedo abrazado a este cinco de maio que non é igual a ti. Este mes sen melancolía nos recantos do corazón, ese órgano que sístole diástole vai facéndonos humanos e mellores. Penso en ti e a ti renuncio, quizá porque ninguén pode amarte como eu te amo. Renuncio porque non hai nada máis xeneroso que renunciar ao máis amado para que o máis amado encontre o camiño: na procura da risa. Odio abril porque quedei sen pilas e son un boneco correndo a noite, como un náufrago. Porque doe pensar que restan miles de horas esperando por ti, toda unha vida. E volverás. E ganará a decepción outra vez a batalla. A felicidade consiste en non esperar a felicidade. Non esperar nada de ti, só quererte. A ti, que me faltas este martes. Comprenderás que puede nevar en primavera...

05/05/2009 12:40 Autor: ensinargalego. Enlace permanente. Tema: ESCRITORES No hay comentarios. Comentar.

Premio Carracedo 2009: Afonso Vázquez Monxardín

20090422125636-afonso-monxardin.jpg

O profesor, historiador, lingüísta, investigador, articulista, acaba de gañar o Premio de xornalismo Xosé Aurelio Carracedo do ano 2009 da Deputación de Ourense. O xurado valora a calidade, nivel cultural e crítico dos seus artigos publicados no xornal de La Región durante o ano pasado.

Creo que é un recoñecemento merecido. Os seus artigos son de temática variada, moi acertados, amenos. Pode escribir sobre o idioma galego, historia, arqueoloxía, natureza, viaxes, etc, pero sempre ten algo que capta ao lector. Os que o coñecemos dende hai anos, como compañeiro, sabemos tamén da súa xenerosidade. En varias ocasións o "utilizamos" para conferenciar aos nosos alumnos, mostrando sempre todo o seu desinterés material e a súa boa disposición para acudir cando o precisamos.

Seguiremos disfrutando das súas colaboracións no xornal de Ourense, esperemos que moitos anos.

Parabéns Monxardín!!

22/04/2009 12:47 Autor: ensinargalego. Enlace permanente. Tema: ESCRITORES No hay comentarios. Comentar.

Manuel Rivas en catro linguas

20090415104600-rivas.jpg

Boa nova é que Manuel Rivas publique. Os que somos lectores seus dende hai máis de 20 anos, sempre nos aleda poder ter un novo libro seu nas mans. Teño que confesar que prefiro ao Rivas narrador e xornalista. Os seus artigos sempre teñen algo que nos engancha.

A novidade neste caso coa obra "A desaparición da neve" é que está escrito nas catro linguas oficiais do Estado. Non me parece mala idea nestes tempos que corren. A polémica lingüística está na nosa vida diaria: na prensa, nas tertulias de radio, nos discursos políticos, nas actividades de formación. Esta iniciativa de Manuel Rivas é unha mostra clara de que todas as linguas poden convivir e existir. Non ten que haber imposición, nin anulación de ningunha. Cada un poderá disfrutar da poesía na lingua que ame e sinta. Todas son respectables. Eu lereino, en galego.

15/04/2009 10:46 Autor: ensinargalego. Enlace permanente. Tema: ESCRITORES No hay comentarios. Comentar.

Homenaxe a Ferrín

20090206103731-ferrin.jpg

Hoxe vai ter lugar un acto de recoñecemento moi merecido ao máis grande escritor galego actual. Sen dúbida, se pode discrepar de moitas cousas de Ferrín, mais ninguén discute a súa calidade literaria. A min persoalmente deixoume abraiado a súa figura o día que o coñecín no ano 82 nunha conferencia sobre Palestina en Santiago. Hoxe el podería falar moito deste tema tan de actualidae. Ese era o meu primeiro ano na universidade. Estabamos un grupo, non moi numeroso, na Facultade de Medicina. Foi moi interesante o acto. Pero moito máis foron os momentos posteriores polos bares de Santiago na súa compaña durante moitas horas. Para un rapaz de 18 anos de aldea escoitalo era unha delicia. Foi unha aprendizaxe e o primeiro achegamento ao autor, acompañada, eso si, de moitas cervexas, pero que moitos anos despois segues lembrando e non vas esquecer. Outra noite memorable foi en Verín, a mediados dos 90. Foi noutra conferencia organizada pola Asociación Monterrei da que eu formaba parte (neses anos organizabamos moitas actividades, publicabamos a revista Tempo, pero pouco tempo despois afundiu e non volveu emerxer) e despois de cear estivemos de tertulia ata o amencer. Tampouco a esquecerei.

Mais eu quero destacar a figura de Ferrín escritor. Non é un escritor para maiorías. Tampouco é un autor ameno para os alumnos de instituto. Sen embargo, hai qñue lelo. As súas obras, sobre todo relato e poesía, son claves na nosa historia literaria. Poderíamos citar moitas obras que foron claves no discurso literario galego, a mestura do fantástico co real, o revolucionario co intimismo, pero chega con citar unha pequena mostra. Con pólvora e magnolias, Estirpe ou Arraianos.

Ademais de estar neste día co autor, a mellor homenaxe é ler a súa obra.

 

 

06/02/2009 10:37 Autor: ensinargalego. Enlace permanente. Tema: ESCRITORES No hay comentarios. Comentar.

Rosalía de Castro en Pakistán

20090130130041-rosalia.jpg

Acabo de ler no xornal a noticia e non deixa de sorprenderme. Aínda que só sexa unha anécdota, sempre é positiva. Rosalía en Pakistán. Que a tantos miles de quilómetros lean os nosos autores contrasta coa teima que aquí teñen algúns de non querer lelos. Refírome a ese grupo, que non desexan estudar o noso idioma, non queren recibir coñecementos doutras materias en galego, buscan toda clase de escusas para non ler aos nosos autores, etc. A propósito disto, vénme á cabeza un triste episodio que me sucedeu a min no meu primeiro ano como profesor nun instituto da costa. Resulta que un alumno, de moi boas notas, non quixo ler un libro de literatura galega que puxera o Seminario, porque, segundo o pai, nese libro aparecían temas como a delincuencia, drogas, alcohol, etc. (Quero aclarar que era novela negra, moi de moda nos anos 90 nos institutos; eu non tiña nada que ver coa elección, pois cheguei ao centro despois te teren acordado os libros de lectura no Departamento). Ao non ler o libro, o alumno suspendeu a avaliación. No resto das materias tiña moi boas notas. Algún tempo despois, o seu pai veu polo centro, falar coa titora e comigo. A conclusión da conversa foi que para el, o seu fillo non tiña por qué ler nada en galego, pois eran nativos de Asturias (levaban en Galicia arredor de 15 anos) e antes ou despois ían marchar. Non era a temática, senón o idioma o seu problema. Ao final, tivo que lelo, de mala gana, se quixo aprobar.

Por certo, eu non lin nada da literatura pakistaní.

30/01/2009 13:00 Autor: ensinargalego. Enlace permanente. Tema: ESCRITORES No hay comentarios. Comentar.

MARCOS VALCÁRCEL

20090114133552-marcos-valcarcel.jpg

O "PEN", concede este ano o galardón ao escritor e historiador ourensán Marcos Valcárcel. Sen dúbida, Marcos é unha desas persoas que sen chamar moito a atención, está facendo un labor encomiable a prol da nosa lingua, historia e literatura. Os que o coñecemos sabemos a súa entrega á cultura galega. Non é unha persoa que dea que falar nos medios, pero o seu labor diario podémolo seguir nos seus artigos en diferentes xornais, sobre todo en La Región e noutros xornais, impresos e dixitais e no seu blog "as uvas na solaina". Tamén, merecen atención os diferentes estudos feitos sobre tantos aspectos da historia e a literatura, principalmente de Auria. Tampouco debemos esquecer as numerosas conferencias impartidas en diferentes lugares, sobre todo nos centros de ensino. Cantas veces os profesores de Lingua acudimos a el para que veña aos nosos institutos! Por todo iso e moito máis, merece este e outros premios. Grazas, Marcos e PARABÉNS!!


14/01/2009 13:35 Autor: ensinargalego. Enlace permanente. Tema: ESCRITORES No hay comentarios. Comentar.

BlLANCO AMOR, FOTÓGRAFO

20090113134826-blanco-amor.jpg

Sabiamos que o autor da Esmorga fora unha persoa polifacética. Novelista, poeta, escritor de contos, xornalista, conferenciante, etc. Pero, sen embargo moi poucos coñecían a súa faceta afección á fotografía. Quizais por ser a menos relevante. A verdade é que a min, e á maioría do común dos mortais, impórtanos a súa literatura. Recordemos que é un dos mellores novelistas da nosa literatura. Os biosbardos é libro de relatos moi bo. Xente ao lonxe é unha gran novela. Mais eu destacaría sobre todo a excelente novela A esmorga. Para moitos é a mellor novela da nosa literatura; polo menos a mellor novela curta. Así e todo, creo que canto máis saibamos do escritor de Auria, mellor.

13/01/2009 13:46 Autor: ensinargalego. Enlace permanente. Tema: ESCRITORES No hay comentarios. Comentar.

Na memoria de Manuel María

20080908101534-manuel-maria.jpg

Tal día coma hoxe de 2004 deixounos o poeta chairego, Manuel María. Aínda que el se foi, a súa obra será máis durareira có bronce, como dixo o poeta latino. A súa figura revivirá cada vez que lemos a súa literatura. A súa calidade, a súa actualidade, a súa forza e o seu compromiso envólvenos e cautivanos cada vez que abrimos un dos seus moitos libros. Sempre gozaremos da súa presenza todos os que lembramos algún dos momentos entrañables que compartimos con el, cada vez que saboreamos os seus versos. Hoxe vénme á cabeza o día que o coñecín, cando eu era estudante universitario, nunha homenaxe que lle realizamos unha organización estudantil en Santiago hai xa máis de vinte anos. Afortunadamente foron moitos máis os momentos que compartimos en moitos actos: conferencias, recitais, mesas redondas, mesmo manifestacións e, sobre todo, tertulias de amigos. Por todo, grazas Manuel.

08/09/2008 10:16 Autor: ensinargalego. Enlace permanente. Tema: ESCRITORES No hay comentarios. Comentar.

Herba moura

20080904133305-herba-moura.jpg

Era unha lectura pendente dende hai algún tempo. Por fin, neste mes de agosto tocoulle. A novela de Teresa Moure, foi dos máis, se non o máis engaiolante libro galego dos últimos tempos. As tres personaxes son mulleres loitadoras que van contra as normas establecidas da súa época, que é o século XVII e o final do século XX, no que a narradora e protagonista segue loitando polos seus dereitos dende unha posición feminista, o mesmo que fixeran outros membros da súa familia (estaba tentado a poñer "membras"), tamén mulleres, como foi a nai, a tía,  e incluso bisavoa Aniceta. 

Christina, Hélène e Einés teñen en común un home, Descartes, que de algunha maneira marcou as súas vidas. As dúas primeiras, por ser o seu "amor"; a terceira polas cartas, diarios, poesías atopadas nunha arca no faiado das anteriores onde descobre ao Descartes humano e non ao filósofo que era o que ela coñecía e, sobre quen estaba investigando (facendo a tese). As tres tamén comparten a ansia por saber, por escribir, por aprender. Se ben na última, podemos dicir que xa sería algo normal, non ocorre o mesmo coas primeiras, pois estamos no século XVII, onde practicamente a totalidade da poboación feminina é analfabeta.

Destaca tamén na novela a defensa do carpe diem, dende a perspectiva feminina e o poder dos sentidos, sobre todo o do olfato, que quizais é o menos desenvolto nos humanos, aínda que máis valorado e aprezado entre as mulleres.

Poderíase escribir moito desta obra. Outros/as máis eruditos/as xa o fixeron. Dicir soamente, por se alguén aínda non a leu, que é unha novela moi amena, dinámica e que engancha dende as primeiras páxinas. Non é necesario recomendala, posto que o seu éxito foi arrasador tanto da crítica como de público, que é o que demostra se ten calidade e aporta algo á literatura.

A literatura galega, sen dúbida, ten a novelista que necesitaba dende hai tempo. Non vou caer na tentación de dicir que é a mellor. Non me gusta esta palabra. Afortunadamente, hoxe temos moi boas escritoras. Pero si digo, que é unha gran escritora e que o tempo a porá á beira dos grandes da nosa literatura.

04/09/2008 13:33 Autor: ensinargalego. Enlace permanente. Tema: ESCRITORES Hay 2 comentarios.

A VIDA NOVA DE MADAME BOVARY

20080715135654-1208782674madame-bovary.jpg

O escritor verinense X. Carlos Caneiro, publicou recentemente unha magnífica novela que, sen dúbida, quedará para a posteridade. Unha novela, no seu estilo, chea de musicalidade, de referencias literarias, cun cuidado exquisito da lingua. Novela de temática amorosa; segundo o autor, el só escribe novelas de amor. Pero o que domina a obra é a búsqueda constante da felicidade. Os personaxes podemos dicir que son reincidentes na súa literatura, fracasados da vida, noctámbulos, buscadores da felicidade e do amor ata o amencer, en medio do alcohol e as tertulias literarias.

A diferencia das outras novelas, aínda que para algúns moi longa, non se fai cando se vai un adentrando nas historias que rodean O Gatopardo e os seus peculiares personaxes: Hermelinda, Arístides, Marquitos, Luzdivina, ... e por suposto Aurorita, eminente prostituta retirada, que coñeceu as máis "ilustres" e importantes personalidades da época cando o Gatopardo era un prostíbulo. Entre elas chama a atención a visita que fixo Pablo Neruda e o incidente que ten alí con outro visitante. Dende entón Neruda permanece no hotelito e na vida da patroa.

Esta é unha novela divertida, amena e que engancha ao lector. Os que coñecen a X. Carlos Caneiro disfrutarán moito, e os que aínda non o coñecen, teñen a oportunidade de disfrutar dunha extraordinaria obra. Recoméndolla encarecidamente.

15/07/2008 13:56 Autor: ensinargalego. Enlace permanente. Tema: ESCRITORES Hay 2 comentarios.

PREMIO ANXEL CASAL

20061219091803-manuel-rivas.jpg

Manuel Rivas resultou gañador do Premio Anxel Casal pola súa obra, Os libros arden mal. Tamén gañou o X. Mª Álvarez Blazquez ao autor do 2006.  Por outra banda resultaron gañadores do premio Lois Tobío, Luís Fernández Rodríguez pola traducción da obra Don Xoán de Peter Handke; do premio Díaz Pardo, Paula Carballeira pola obra Smaras; do premio Neira Vilas, An Alfaya pola obra A sombra descalza; do premio Fernández del Riego, a TVG por Libro aberto. Parabéns a todos!!

18/12/2006 13:38 Autor: ensinargalego. Enlace permanente. Tema: ESCRITORES No hay comentarios. Comentar.

DARÍO XOHAN CABANA

20060426175412-dario-xohan-cabana.jpgO autor de "Galván en Saor" ingresa na Real Academia Galega. O seu discurso versa sobre os autores dos 50. Un dos máis destacados desta xeración, Xosé Luís Méndez Ferrín, foi quen lle respondeu.
26/04/2006 17:54 Autor: ensinargalego. Enlace permanente. Tema: ESCRITORES No hay comentarios. Comentar.

XOSÉ CARLOS CANEIRO

20060404104826-caneiro.jpg
INCLÚE UN POEMA SOBRE BASES ELECTRÓNICAS Caneiro grava un disco para "recuperar a ilusión" pola literatura [21/03/2006 19:06] Trinta anos despois do nacemento do rap, e despois de que Yolanda Castaño e Jaureguízar, entroutros, fixesen o mesmo en Galiza, o escritor galego Xosé Carlos Caneiro decidiuse a gravar De bar en bar. Os poemas prohibidos. 21 artefactos poéticos de Caneiro con Manolo Garrido, director da Banda de Gaitas de Verín, á flauta e un máis, As flores entre a herba, con apuntes de regueifa e bases electrónicas. Nesta web podedes baixar as últimas creacións do escritor galego, que busca "recuperar a ilusión" pola literatura. O día 24 preséntaas no Teatro Principal de Ourense.
31/03/2006 08:38 Autor: ensinargalego. Enlace permanente. Tema: ESCRITORES No hay comentarios. Comentar.


Blog creado con Blogia. Derechos de autor con . Estadísticas. Suscribir RSS. Admin.