Blogia

ensinargalego

Herba moura

Herba moura

Era unha lectura pendente dende hai algún tempo. Por fin, neste mes de agosto tocoulle. A novela de Teresa Moure, foi dos máis, se non o máis engaiolante libro galego dos últimos tempos. As tres personaxes son mulleres loitadoras que van contra as normas establecidas da súa época, que é o século XVII e o final do século XX, no que a narradora e protagonista segue loitando polos seus dereitos dende unha posición feminista, o mesmo que fixeran outros membros da súa familia (estaba tentado a poñer "membras"), tamén mulleres, como foi a nai, a tía,  e incluso bisavoa Aniceta. 

Christina, Hélène e Einés teñen en común un home, Descartes, que de algunha maneira marcou as súas vidas. As dúas primeiras, por ser o seu "amor"; a terceira polas cartas, diarios, poesías atopadas nunha arca no faiado das anteriores onde descobre ao Descartes humano e non ao filósofo que era o que ela coñecía e, sobre quen estaba investigando (facendo a tese). As tres tamén comparten a ansia por saber, por escribir, por aprender. Se ben na última, podemos dicir que xa sería algo normal, non ocorre o mesmo coas primeiras, pois estamos no século XVII, onde practicamente a totalidade da poboación feminina é analfabeta.

Destaca tamén na novela a defensa do carpe diem, dende a perspectiva feminina e o poder dos sentidos, sobre todo o do olfato, que quizais é o menos desenvolto nos humanos, aínda que máis valorado e aprezado entre as mulleres.

Poderíase escribir moito desta obra. Outros/as máis eruditos/as xa o fixeron. Dicir soamente, por se alguén aínda non a leu, que é unha novela moi amena, dinámica e que engancha dende as primeiras páxinas. Non é necesario recomendala, posto que o seu éxito foi arrasador tanto da crítica como de público, que é o que demostra se ten calidade e aporta algo á literatura.

A literatura galega, sen dúbida, ten a novelista que necesitaba dende hai tempo. Non vou caer na tentación de dicir que é a mellor. Non me gusta esta palabra. Afortunadamente, hoxe temos moi boas escritoras. Pero si digo, que é unha gran escritora e que o tempo a porá á beira dos grandes da nosa literatura.

A VIDA NOVA DE MADAME BOVARY

A VIDA NOVA DE MADAME BOVARY

O escritor verinense X. Carlos Caneiro, publicou recentemente unha magnífica novela que, sen dúbida, quedará para a posteridade. Unha novela, no seu estilo, chea de musicalidade, de referencias literarias, cun cuidado exquisito da lingua. Novela de temática amorosa; segundo o autor, el só escribe novelas de amor. Pero o que domina a obra é a búsqueda constante da felicidade. Os personaxes podemos dicir que son reincidentes na súa literatura, fracasados da vida, noctámbulos, buscadores da felicidade e do amor ata o amencer, en medio do alcohol e as tertulias literarias.

A diferencia das outras novelas, aínda que para algúns moi longa, non se fai cando se vai un adentrando nas historias que rodean O Gatopardo e os seus peculiares personaxes: Hermelinda, Arístides, Marquitos, Luzdivina, ... e por suposto Aurorita, eminente prostituta retirada, que coñeceu as máis "ilustres" e importantes personalidades da época cando o Gatopardo era un prostíbulo. Entre elas chama a atención a visita que fixo Pablo Neruda e o incidente que ten alí con outro visitante. Dende entón Neruda permanece no hotelito e na vida da patroa.

Esta é unha novela divertida, amena e que engancha ao lector. Os que coñecen a X. Carlos Caneiro disfrutarán moito, e os que aínda non o coñecen, teñen a oportunidade de disfrutar dunha extraordinaria obra. Recoméndolla encarecidamente.

HAI CAMBIO CLIMÁTICO?

HAI CAMBIO CLIMÁTICO?

Nestes últimos días está de actualidade de novo  o tema. A orixe foi a presenza dunha das persoas máis concienciadas neste mundo globalizado: Al Gore. O premio Príncipe de Asturias, sen dúbida, é un merecido recoñecemento a esta persoa. Logo apareceron as opinións controvertidas, e en algúns casos desafortunadas, dos políticos. 

O caso é que todos debemos concienciarnos do problema e, sen dúbida, un dos lugares nos que debemos traballar son os centros de ensino. Hoxe xa existe un proxecto das consellerías de Medio Ambiente e Educación, chamado Axenda 21 Escolar de Galicia (AX21EG) que se está levando a cabo nuns 40 centros en toda Galicia. A temática ten que ver coa sustentabilidade. Agardamos que a medio prazo dean os froitos agardados. 

O GAÉLICO GOZA DE MÁIS DEREITOS LINGÜÍSTICOS QUE O GALEGO

O GAÉLICO GOZA DE MÁIS DEREITOS LINGÜÍSTICOS QUE O GALEGO

Unha lingua con menos de 200.000 usuarios, o gaélico, ten dende o mes de xaneiro máis dereitos cá nosa, o galego, que conta con máis de 1.500.000 usuarios. Desta maneira os seus falantes (do gaélico) terán máis facilidades para optar a empregos institucionais. Esta lingua terá un rango similar ao español, italiano, portugués, etc. Supoño que todos os que criticaban aos que defendíamos o recoñecemento do galego como lingua na Unión Europea, agora se darán conta do que isto supuña para Galicia e os galegos.

O CAMBIO CLIMÁTICO

O CAMBIO CLIMÁTICO

Os expertos advirten de que o cambio climático será máis devastador e rápido do previsto. Os temporais serán cada vez máis frecuentes e a neve só se verá en algunhas montañas. Os veráns serán máis calurosos, do estilo do 2003, con temperaturas elevadísimas que chegaron a producir bastantes mortes.Temos que ser conscientes dos graves perigos que nos están chegando. Hai que poñer remedio a isto canto antes!!

NOVIDADES LITERARIAS DO ANO 2007

NOVIDADES LITERARIAS DO ANO 2007

Moitos son os autores que están preparando as súas obras ou xa foron entregadas ás editoriais para seren publicadas proximamente. Por citar algúns autores que veremos proximamente nas librerías citaremos a Teresa Moure, Agustín Fernandez Paz, Fina Casalderrey, Inma López, .... Tamén debemos salientar historiadores dos que citarei a Xusto Beramendi. Estou seguro de que irán aparecendo moitas novidades para ben da nosa literatura e da cultura galega en xeral. Agardamos que o número de publicacións en galego aumente ano tras ano e sobre todo o número de lectores. Boa sorte a todos!!

SUSTENTABILIDADE

SUSTENTABILIDADE

Non nos damos conta, pero é o máis grande problema actual: a contaminación. Ou se queremos noutras palabras máis apropiadas "O cambio climático". Todos vemos a diario as catástrofes mal chamadas "naturais". Non son naturais, senón que a natureza nos paga coa mesma moeda que lle estamos facendo. Xa nos están dicindo que o ano 2007 vai ser o máis caluroso dende hai máis de 500 anos. O problema da sequía cada vez é máis acuciante. Non tardará en haber guerras por causa da auga como as hai hoxe polo petróleo. Dos incendios escusamos dicir nada, porque en Galicia padecémolos todos os anos, pero de modo especial nestes dous últimos anos. As riadas igualmente, no último outono. Creo que son mostras de abondo para reflexionar sobre a contaminación e o respecto ao medio. Non agredamos á natureza e seguro que ela tampouco nos agrederá a nós!!

O CLUB DA CALCETA

O CLUB DA CALCETA

María Reimóndez vén de publicar a novela O club da calceta na editorial Xerais.

PREMIO ANXEL CASAL

PREMIO ANXEL CASAL

Manuel Rivas resultou gañador do Premio Anxel Casal pola súa obra, Os libros arden mal. Tamén gañou o X. Mª Álvarez Blazquez ao autor do 2006.  Por outra banda resultaron gañadores do premio Lois Tobío, Luís Fernández Rodríguez pola traducción da obra Don Xoán de Peter Handke; do premio Díaz Pardo, Paula Carballeira pola obra Smaras; do premio Neira Vilas, An Alfaya pola obra A sombra descalza; do premio Fernández del Riego, a TVG por Libro aberto. Parabéns a todos!!

O GALEGO NO ENSINO

O GALEGO NO ENSINO

O galego vai ser obrigatorio no 50% das materias. Xa é hora de que polo menos a metade do ensino sexa en galego. O máis difícil é que de facto sexa así. Xa sabemos o incumprimento que hai hoxe da Lei de Normalización. Moitas das materias que por lei se deberían impartir en galego non o fan e non pasa nada. Tamén quero reclamar que os membros das direccións dos centros, como funcionarios que son da Xunta de Galicia, empreguen o galego en todos os seus actos públicos tanto a nivel oral como escrito. Xa sei que cada un é libre de usar a lingua que desexe como individuo, pero eu pido que o fagan como Director do Centro, no seu traballo; logo na súa vida privada que faga o que queira.

DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

A deterioración do medio ambiente cada día é maior. Normalmente non nos preocupamos do teterioro da natureza, sen embargo o cambio climático está deixando danos ecolóxicos e económicos de grande consideración e, sobre todo, moitas perdas humanas (recordemos as palabras, máis ou menos afortunadas, do Sr. Presidente do Goberno en Montivideo nas cales dicía que o cambio climático producía máis vítimas que o terrorismo internacional). En Galicia vivimos moi recentemente o grandísimo problema dos incendios forestais e hai moi poucos días as inundacións motivadas en parte polos incendios e en parte pola mala planificación urbanística.
Os centros de ensino deben ser axentes de sostinibilidade. Debemos sensibilizar á xuventude. Oxalá haxa moitas iniciativas como a do IES Auga da Laxe!!

O GALEGO POR PRIMEIRA VEZ NO CONSELLO DE MINISTROS COMUNITARIO

O GALEGO POR PRIMEIRA VEZ NO CONSELLO DE MINISTROS COMUNITARIO

Por primeira vez na historia vaise empregar o galego no Consello de Ministros Comunitario. Temos que seguir avanzando no seu uso en novos ámbitos. É un novo fito. Temos que aproveitar todos os foros que se nos brinde para a súa difusión. Non podemos quedar só dentro das nosas fronteiras. Necesitamos darnos a coñecer tamén fóra. Moitas son as linguas minoritarias que existen en Europa e debemos defender os seus dereitos.

III CONCURSO DE MÓNOLOGOS MONOLINGÜES PARA UNIVERSITARIOS

III CONCURSO DE MÓNOLOGOS MONOLINGÜES PARA UNIVERSITARIOS

Un concurso sempre é unha forma de promocionar o idioma. Se se realiza para a xuventude moito mellor. Se é para universitarios aínda máis. Pensemos que necesitamos avanzar no uso do galego entre as xeracións máis novas, posto que son os que menos o usan. Tamén a universidade é un dos sectores no que ten pouco uso o noso idioma. En conclusión: dúas razóns de peso para promocionar a lingua.

AXENCIA TRIBUTARIA

AXENCIA TRIBUTARIA

Pouco a pouco imos avanzando no eido da normalización lingüística. O galego aparece xa na Axencia Tributaria. Primeiro foi en catalán, como sempre. Estes son os que abren camiño ás demais linguas do Estado. Nós non podemos quedar atrás, nin ser sempre os últimos.

INMIGRANTES GALEGOFALANTES

INMIGRANTES GALEGOFALANTES

Parece bastante lóxico que as persoas que emigran aprendan a lingua do país de destino. Isto en Galicia non foi un feito, polo menos ata agora, debido a que a maioría dos inmigrantes aprendían ou usaban só o castelán, posto que sempre se ten a idea de que cada país ten unha lingua. Así a lingua de España sería, loxicamente, o español. Creo que aprender a lingua do país é unha boa forma de integración (o que non quere dicir asimilación), tanto cultural como social. Debemos tratar de que os inmigrantes coñezan e usen o noso idioma.

A CORUÑA

A CORUÑA

Por fin!! Menos mal que se recupera o sentidiño e se cumpre a lei. Despois de moitos anos e, sobre todo, grazas a que desapareceu de María Pita un tal Paco, parece que se vai utilizar a única forma legal: A Coruña. Seguro que os arbustiños que representaban o "L" irán parar, definitivamente, a outro lugar máis apropiado. Grazas señor Xavier Losada. Viva A Coruña da Cova Céltiga e das Irmandades!!

DEBER DE COÑECER O GALEGO

DEBER DE COÑECER O GALEGO

Coñecer o galego ten que ser un deber, e así debe aparecer recollido no novo Estatuto de Autonomía. Isto reclámao a Mesa Pola Normalización Lingüística. No mesmo sentido tamén se pronunciou Xosé Ramón Barreiro, presidente da Real Academia Galega.

FEUDALISMO EN GALICIA

FEUDALISMO EN GALICIA

En pleno século XXI, aínda seguimos co sistema dos foros . Parece que o noso país está no século XII ou XIII. Máis de 1000 familias teñen que pagar as rendas e viven en casas e terreos que non son de seu. O AGRARISMO, movemento social de comezos do XX non rematou totalmente co feudalismo. Será verdade iso que dicían os emigrantes que estiveron en Francia, Alemaña, ... que nós iamos 50 anos atrás do resto de Europa? Ou máis ben será que imos tres séculos atrás? Como sabemos a Revolución Francesa, que puxo fin ao feudalismo, tivo lugar a finais do XVIII.

EMIGRACIÓN

EMIGRACIÓN

Morreu a persoa da foto máis famosa e ilustrativa da emigración galega: "O Jurjo" . Este problema sangrante do noso país que vén de moitos séculos atrás, aínda non ten viso de solucionarse, sobre todo na Galicia interior. As estatísticas máis recentes pon de manifesto a perda de poboación de Lugo e Ourense no último século. A Galicia rural desaparecerá en non moitos anos a non ser que se cambie totalmente a política da Xunta. Acabaremos todos nunha das sete cidades ou á beira do mar? Quousque tandem seguiremos cantando: " Este vaise e aquel vaise/ e todos todos se van ...." (Rosalía de Castro).

RELATOS DE VERÁN

RELATOS DE VERÁN

La Voz de Galicia convoca aos seus lectores á sétima edición de Relatos de Verán .